domingo, 18 de março de 2012

ETANOL α


Esperto na noite fría agardando que a tea azulada se consuma.

Non teño forza nos brazos para me erguer e dóenme tanto os dentes.

A cidade reflicte no seu contrapunto salgado

e as siluetas das montañas que a circundan tremen

agardando que as sombras entristecidas acouguen

e choren sen bágoas a súa compaixón inútil.

Non teño forzas para me erguer do chan, tan enxoito e poeirento.

E unha besta devórame lentamente as entrañas

e as sombras tristes choran esas bágoas contra a diafonía salgada.

E pecho os ollos con forza coma quen se suicida

coma un can que, preso, ouvea o seu blues triste

máis que unha canción de negros do delta.

Non é necesario ter sido escravo para doerse polos lategazos.

A chama azulada treme, confusa, máis unha vez.

Quizais vacile outra.


domingo, 11 de março de 2012

Novo golpe dos 18


Delatores dos baixos fondos da cidade compostelá confirman o inminente golpe delictivo da banda dos 18. Segundo estes informes, planean dar un golpe nalgún punto da periferia compostelana, amparándose na despreocupación das forzas de orde público nos actos delictivos comúns, centradas noutras tarefas prioritarias. Os confidentes afirman que se vai desprazar unha parte da banda desde outras cidades galegas até a capital galega. Afirman que se trata dunha organización delictiva de carácter moi perigoso e que está moi ben organizada.
Até o de agora descoñecemos o nome do xefe da banda, ou dos cabecillas máis prominente. A falta dunha cabeza dirixente fai máis complexas as investigacións. Por outra parte, aseguran que teñen a súa base de operacións en Vigo, onde teñen un refuxio seguro nun antro cuxo nome, por decencia, non referiremos aquí. Ao parecer existe certa colaboración con outras organizacións viguesas.
O golpe é inminente, polo que se solicita a colaboración cidadá. Se observa un grupo sospeitoso polos arredores da estación de buses de Santiago, pregamos que se poñan en contacto inmediatamente coa Garda Civil. Únicamente o benemérito corpo pode dar conta desta banda de maleantes. 

Proba de cargo núm. 2. Que planea a banda dos 18?

domingo, 4 de março de 2012

Inusitado

Neuronas en acción - xxnano1106xx
O seco son escoitouse desde a profunda escuridade. Recoñecino ao instante, tan característico, nese éter lúgubre, cálido e cincento. Pouco se pode engadir, pois as palabras enmudecen cando se miden co berro contido dun 9 mm. Déixome levar. Se teño xente diante, fágome o mouco, como se non escoitara nada. Disimulo e me sae ben. Ninguén sospeita do ocorrido.

Ao principio pensei na posibilidade dun accidente. Logo na opción dun suicidio. Tiña outra imaxe destes, mesmo cando se trataban de versións sofisticadas con armas semiautomáticas polo medio. Cría, na miña inocencia, que se traba dun acto de dignisima enteireza. Porén, decátome agora do errado que estaba. Trátase dun acto de covardía, ou de inutilidade extrema. Son, ademais, moi sucios. Tamén estaba equivocado sobre o autor do disparo. Corrixo, sobre a autora do disparo.

Quen podía sospeitar as consecuencias de que ela actuase así? As demais íano ter en conta. Con todo, cando Neurona Parva decidiu que había que visionar o vídeo, en directo, de «Baby» de Justin Bieber para ver quen era e de que ía, por curiosidade inxenua, calculou mal as implicacións. Unhas quedaron en estado de shock e outras tolearon de todo. Algunha deixou de vivir para sempre por mor do impacto do merengue tonal e da saturación melosa da voz dese individuo abxecto.

Confundín de plano os acontecementos. Ocorréuseme nun primeiro momento que Neurona Intelixente, a miña querida amiga, optara por deixara este mundo: subestimeina outra vez. O cálculo frío e as súas dotes de mando impresiónanme porque se puxeron en marcha de novo, esta vez por propia supervivencia. Agora xace inerte na escuridade cerebral máis absoluta. Neurona Mala, a que se ocupa dos meus máis escuros desexos e imaxina as máis inconfesábeis perversións, observa, coa arma ao cinto, os restos calados e de esguello vixía os lamentos de Boa, acubillada nunha esquina. Chora sen consolo. Intelixente finxe estupefacción, mais, de fitar nos seus trazos, acertaría co reflexo da satisfacción absoluta polo éxito da conxura. O resto, aliviadas e hipócritas, fan coma que non pasou nada.